Fundación

A FUNGA naceu no ano 1996 co nome de Fundación Galega para a Tutela de Adultos, ante a necesidade de prestar unha atención persoal e xurídica especializada ás persoas maiores de idade coa capacidade de obrar modificada xudicialmente ou incursas nun procedemento de modificación da capacidade de obrar, e das que os xuíces atribúen á Xunta de Galicia a súa protección mediante as figuras xurídicas da tutela, curadoría, defensa xudicial ou administración de bens.

Foi clasificada como mixta por Orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 19 de decembro de 1996, declarada de interese galego por Orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 10 de xaneiro de 1997 e inscrita no Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego co número 1996/14.

Por orde do 21 de marzo de 2006 modificouse a clasificación definíndose como benéfico-social.

Os Estatutos Fundacionais foron obxecto de varias modificacións dende a súa creación co fin de adaptalos ás variacións normativas aplicables e á propia realidade social de cada intre.

En concreto estes procesos de modificación estatutaria foron tres: o primeiro levado a cabo no ano 2004, o segundo no ano 2006 (que implicou entre outros cambios o da nomenclatura da Fundación que pasou a denominarse Fundación Galega para o Impulso da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia, non así das siglas que continuaron a ser FUNGA) e o último o elevado a público no presente ano 2011, que implicou, entre outras novidades, a especialización da actividade da Fundación no campo da modificación da capacidade de obrar e a consecuente adaptación do seu nome, pasando a denominarse Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas aínda que mantendo as siglas FUNGA.

Tes algunha dúbida?

Ponte en contacto connosco e resolveremos calquera dúbida que teñas.
Contacto